xoves, 25 de abril de 2013

Lúa de abril

     Mirei para a lúa e prendeu nela o meu ollar, escravo. Incapaz de apartar a vista dela, seguíaa coa mirada á vez que avanzabamos a carón do mar. Presa, atada,  vin nela o que nunca antes vira.
     Sorprendina sonrindo, tristeira en apariencia. Fixeime en que se dibuxaba unha fina liña na súa superficie que facía as veces de beizos. Misteriosa e escurridiza, cacheina. Decatouse axiña e non tardou en mudar o semblante,  endereitando de novo a estreita liña. Soubo que a estivera observando,  e o mesmo fixo ela conmigo, disimuladamente. Notei os seus estraños ollos cravados nas miñas costas,  tan forte que mancaban. Non soportaba a presión e xireime. Desviou a mirada,  veloz, pero non máis ca min.
     Permanecín petrificada uns instantes,  enriba da area da praia,  castigada por desafiar á poderosa lúa. Tiven que prometerlle que non contaría nada diso a ninguén,  sería o noso segredo, incluso me ameazou con levarme para sempre con ela se non cumpría o xuramento.
    Rebelde e desobediente me mostro agora,  relatando o suceso incontable ,  porque quizais non haxa maior felicidade que vivir coa fermosa lúa ata a fin dos meus días.

Ningún comentario:

Publicar un comentario