martes, 16 de febreiro de 2016

Unha vida de última hora

<< Faime un último favor: publica a miña ausencia nun diario de tirada nacional; que apareza unha fotografia do meu baleiro en portada. Así,
sen estar, 
estarei en centos de fogares por todo o país. Consigue que a xente fale da miña ausencia. Ao evocarme, aparecerei. 
Non deixes que se esquezan da miña falta; necesito que teñan sempre presente o feito de estar eu ausente.
Pretendo, dese xeito, ser inmortal. Se os meus cálculos non son erróneos, tan só hei de morrer cando alguén ouse asasinar a memoria colectiva que lembra que me fun. 
Se iso ocorre, se se acostuman á miña non presenza, estou perdida.
E, coma toda morte e contrariamente á maioría das vidas, o meu fin será eterno. 
Faino por min, por favor amor.  >>


<<Non podo, síntoo. Sei que non funcionaría:
propúxenme esquecerte de novo e, desta vez, 
coma toda vida e contrariamente á maioría das mortes, 
o proceso de desterro mental será finito.
Enténdeme, por favor desamor. >>