xoves, 16 de outubro de 2014

No semáforo

Vai pola rúa sorrindo. 
Leva os cascos postos e camiña con aire desenfadado. Segue a melodía da canción co pé, dando pequenos golpes rítmicos na beirarrúa mentres agarda a que se poña o semáforo en verde. Mesmo tararea a letra polo baixo, tan baixo que só a escoita o rapaz de ollos verdes que espera ao seu carón para cruzar.
Tan abstraída vai do mundo exterior que non se decata de que xa pode seguir andando ata que ve aos demais diante de si.
É daquela cando continúa co seu andar danzarín. Vai alegre.

Vai pola rúa, só, rindo. (Por non chorar.)
Agocha o nariz, e as penas, detrás da bufanda de la. Un coñecido párase a falar con el. Manteñen unha desas conversacións rutinarias que non trascenden máis alá do momento. Ri..., pero por compromiso; non lle fai ningunha graza todo canto lle di. Parécelle que o semáforo tarda unha eternidade en permitirlles avanzar. Volve sumerxir a súa soidade no seu anorak, e só ergue os seus ollos verdosos cando escoita á rapaza do lado murmurar para si os versos dunha vella canción.
Tan embelesado se atopa prestándolle atención que non advirte que a luz vermella xa mudou ata que o empurran levemente para que non entorpeza o paso.
É daquela cando aparta os ollos dela. Vai ensimismado.

E cruzan xuntos, pero distantes, un pedazo máis atrasados que o resto dos transeúntes.
Non o saben, pero diríxense ao mesmo lugar.



mércores, 15 de outubro de 2014

Lili Marleen

Camiño descalzo pola beira da praia. Disque a auga salgada é boa para curar as feridas, e a min ultimamente dóeme todo. Non sei como hei de facer para que a úlcera que provocaron no corazón as bágoas que non chorei cicatrice dunha vez por todas. Por moito que pasee a carón do mar, o sal non chega tan adentro.

Que se mataran eles se querían. Eu prefería morrer de amor que do impacto dunha bala. Aínda que me fora doer máis...
Pero non llelo dicía.
Procuraba, sen descanso, a luz da farola baixo a que che dei o último bico.
Pero non llelo dicía.
Quería volver a Hamburgo, á terriña. Xa nunca quixera marchar de alí...
Pero non llelo dicía.
Tremía de frío cada vez que me acordaba de ti, Lili. Estaba aterecido: non era quen de esquecerte.
Pero que lles ía dicir a eles?

Tantas cousas caladas no meu interior ráchanme as veas. Estou enfermo e viñen curarme coa auga do mar. Cheguei a Finisterre, a fin do mundo. É unha bonita metáfora da realidade.