sábado, 28 de febreiro de 2015

Apéndice verbal

Eu son.
Ti es.
Pero nós non somos.
Porque eu son e ti es, pero es con ela.
E así, ela é.
E vós sodes.

Chaman a porta. Quen é?
Ti non.

E dese xeito, borraches dos meus libros de gramática todo o significado que puidera ter a primeira persoa do plural. E tan tranquilo... Esa forma tan só perdura xa nos pretéritos, sobre todo no perfecto. Está o presente magoado, coxo, sen ti para crear un nós.
O futuro, pouco prometedor.
O subxuntivo é outro cantar. É o modo temporal da irrealidade, da imaxinación, da fantasía, dos desexos... E hoxe desexo máis ca nunca.
Menos mal que, polo menos, levaches contigo os verbos destrutores en imperativo que me arrepiaba escoitar.

Dende agora ti deixas de ser un pronome que substitúa á túa identidade, coméndome a miña. Convertícheste no verbo máis irregular que na miña vida vin.