luns, 26 de decembro de 2016

U-lo amor?

- Quítasme a risa! - queixouse, aínda con media gargallada triste na boca.

E tiven que chorar, claro.

Peneirei mal as palabras e saíronme coitelos da gorxa. Pregúntome cando hei de aprender a identifica-lo querer.
U-lo amor?
Nas pálpebras pechadas que miran os ollos durmidos.

Vino espertar engordiño, loitando contra os raios de sol que se lle metían nos ollos. Eu sabía que non cabía xa máis luz naquela mirada, pero deixeino facer. 

- Veña, que se me desfai o sorriso.

E, por medo a que se esvaecera, eternicei esas engurras das meixelas nunha fotografía que gardei para sempre no peto.

Por se lle volvo quita-la risa.

Non quixera...,
pero quen sabe querer?