sábado, 19 de outubro de 2013

Semella estar triste o ceo, ou es ti?

   Chove, e ti choras.
   Quen sabe o porqué das túas bágoas..., sábelo ti, moza tristeira?  Véxote dende a miña fiestra de pé no centro da praza, coa cabeza gacha e as mans fóra dos petos. Se alzas a vista é só para que escorregue polas túas meixelas outra auga que non sexa a amarga dos teus ollos. Comezas a camiñar moi desganadamente e ficas diante dunha poza. Non son tempos para saltar nela, debes pensar. Rodéala, evitando a tentación, e segues paseando ata a esquina da praza. Caes de xeonllos e non fas outra cousa que non sexa chorar.
   Segue chovendo, e ti chorando.
   Que matinarás, rapaza de ollos claros..., que matinarás para tanto laiar.
   Para ti teño un agasallo: un paraugas dunha alegre cor vermella, que te cubra do impertinente zarzallo e te faga sorrir mentres non cesa de chorar o ceo.