sábado, 1 de abril de 2017

Úlcera de tristeza

"Dóeme a alma", laiaba a medio morrer. Xa non é pouco. Magoábaa a úlcera da tristeza que dicía posuír.

Eu críaa. Tanto debeu chorar que rematou por crear unha chaga: furou a pel coas bágoas. E agora fúxelle o espírito pola ferida aberta sen ela ser quen de atrapalo cos ollos. Tenos case de cristal e igual teme escachalos.  

Pero sabe curar... Sutura coa risa esa físgoa de seu e, cunha gargallada enfiada nos dentes, vai cosendo a pel triste ata que torna leda. Xa só queda, entón, a cicatriz da alma murcha revivindo coa auga de mar maiúsculo.