sábado, 30 de abril de 2016

Encantada

Ilustración de Albert Solóviev
Hoxe vinme por primeira vez e presenteime a min mesma.
Non foi un pracer coñecerme.


Non estou disposta a perde-lo tempo vivindo con persoas que non me enchen, así que decidín baleirarme. Descravei do meu interior todo aquilo que, de tan apretado que estaba, facía sangue. Desfixen os nós da gorxa con coidado de non rompelos (tiñan que estar completos porque os ía reutilizar). Colguei deles á miña alma, subida aínda nunha banqueta. Respirei(me), empurrei a cadeira e tirei polos fíos.


Xa non son eu. 
Pero son máis eu.
Ou?

sábado, 23 de abril de 2016

Filosofía

Non sei que pensar de ti:
róubasme risas, es ti quen mas quita;
pero confeso que nunca me faltan e que sempre mas devolves.

Supoño que será un trato xusto. Ao fin e ao cabo, se non me arrebataras algunha gargallada non estou segura de que colleran en min. Gardo notas alegres na miña caixa de música persoal, coma se cada costela fose unha das liñas dun pentagrama un tanto estraño. Comprendo xa iso das risas enlatadas. Vou deixando que saian pouco a pouco, agás cando estou ao teu carón. Contigo, a túa alegría agarra á miña e, claro, fas soar a canción máis triste do mundo: a que leva por protagonista a unha mesma alma dividida en dous corpos distintos.

Pero, oe, oxalá o resto dos ladróns aprenderan de ti. O mundo sería un lugar infinitamente máis bonito.