mércores, 20 de xullo de 2016

Paradoxo mortal

Onte chegoume a noticia do meu pasamento. Absorta como estaba nos labores do suicidio total, nin sequera me decatara. Non cheguei a tempo de chorar a miña propia morte. 

Vago agora pola vida coma unha alma en pena, malia que na miña lápida di que morrín da risa

Non sei que crer... Semella que fun unha persoa feliz antes de me converter en pantasma... pero, ao tempo, algo non cadra: o cadaleito segue amargamente húmido. 

xoves, 14 de xullo de 2016

Fogar en ruínas

Vivían nun fogar roto en proceso de improbable reconstrucción.

Os cristais escachaban cando neles se pousaba unha mirada xeada; abríanse gretas nas paredes ao se pronunciar un adeus e logo voltar; 
humidades que nacían coas bágoas tristes, e bágoas tristes que aproveitaban os anacos deses cristais escachados para pórlle fin á súa curta vida nun suicidio veloz.

Tres capas de pintura eran aplicadas a diario: o bico do espertar, o de querer e o de boas noites. Pero as feridas eran fondas e difíciles de tapar... O medo sempre os vencía e amosaba triunfante a desfeita do interior: non cicatrizaban as fendiduras nos cimentos daquela casa de dous.

Mágoa de corazóns cansos... Onde quedou a valentía de marchar?