luns, 25 de xaneiro de 2016

Chor-arte : a arte da música triste

Ilustración de Albert Solóviev
     Esta é a historia dunha muller triste que tocaba música alegre.

     Doíalle a alma, padecía de saudade e sufría ausencias. Que duras son as despedidas cando non esperas que ninguén marche... Caeulle o mundo enriba ao entrar na casa, no corazón, na vida, e encherse do baleiro que alí atopou. Xa nunca se libraría de tal buraco negro no seu interior, pensaba para si. E coma se as bágoas foran ocupar aquel espazo, chorou os sete chorares. Día e noite, sen descanso, provocando a aparición de humidades, traspasando a auga a barreira da pel, coándose no corazón, que actuaba de sumidoiro. 

     E, como en toda cloaca que se precie, cheiraba a ferruxe e caían as pingas do teito desgastado. Pero batían contra as costelas. Unha, outra, e outras dúas, nacendo nas entrañas da rapaza taciturna unha melodía alegre cuxa compositora era a tristura. Caprichos paradóxicos da nostalxia...

     Menos mal que tiña persoas ao seu redor que escoitaban alén do que ela dicía. Decatáronse da artista que levaba dentro de si e catapultárona ao máis alto.

     A muller, que vía que todos lle prestaban máis atención á súa melancolía rítmica que a ela, non paraba de bagullar. 
     Nin de colleitar éxitos.