xoves, 31 de decembro de 2015

Marina

    Fiquei mirando as ondas bater contra as rochas, lembrando o berce que, en soños, o mar me prometera ser e a traizón por el cometida ao perfilarse ante min coma un monstruo. Era nena de terra e nunca o mar acariñara a miña pel. Malia morrer de ganas por xogar coa espuma mariña, esa ansia esfumouse co primeiro golpe de auga que me transportou mar adentro. Espertei horas despois apoiada no peito de meu pai, que loitaba contra a inundación de auga amarga nas cuncas dos seus ollos - así de caprichosas e irónicas foron aquelas bágoas.- Amarrábame con forza nunha aperta, coma se temera que o océano voltara por min e, desa vez, rexeitara toda posibilidade de devolución.

     Sei de varias persoas que afogaron así. Nun abrazo, digo. Saíron a flote con máis vida da que respiraban antes da asfixia.

luns, 7 de decembro de 2015

Cordas que atan

Es como auga que me lava a diario e limpa en min todo rastro de suciedade, de tristura crónica.
Xa fedía.
Curas tan ben esas feridas que nunca estiveron abertas... É coma se te trabucaras de paciente; coa túa risa sandas a quen, sen doenzas, laiaba para si.

Estou encantada de escoitarte rir.
Ti si que es seguridade social emocional. Sinto arrepíos ante os hospitais de toda a vida. O dos manicomios xa nin che conto... Así que, que carallo fago aquí? Se eu non estou tola...
(por outro motivo que non sexas ti)

Alguén pode desatarme? Esta cordura estame mancando.

sábado, 5 de decembro de 2015

Pesadelo

O tempo pasa;
os minutos pesan
cando se pousan
sobre min.
E písanme o pasado
sen intención de traer un futuro mellor.