domingo, 17 de maio de 2015

Contáronme as Letras Galegas que...

     Cando petan na porta pola noite percórreme un calafrío por todo o corpo. Nin que estivera escoitando O conto dos sete medos...  Emito Berros en voz baixa, pero A lingua das bolboretas na que falo non a debe entender aquela Xente ao lonxe, aquela que diviso a través dA fiestra baldeira. Manteño A orella no buraco da parede, tratando de enterarme da conversación -non oio nada- de quen me anda a asustar. Se o sei... non volvo á casa. Viña verte, mais quen me ía dicir a min que ti non ías estar.... Non sei se me dá máis medo que estean a piques de entrar a roubarlle a unha velliña coma min ou decatarme de que Todo é silencio no vacío deste malchamado fogar. Por moito que leven, nada teño..., e o pouco que me enchía marchou polo seu propio pé, No desterro emocional do que me fixeches partícipe.
     Xa me teñen avisado de que Os vellos non deben de namorarse ..., pero son terca coma ninguén.  Sigo convencida de que se trabucan porque, en realidade, O único que queda é o amor.
    Longa noite de pedra a que agarda por min Á lus do candil ..., porque alumar, aluma. Non penses que o has de apagar tan doadamente.
   
     Coida unha cousa... Unha Muller pra lonxe coma min non ten Dicionario do estremecemento ningún. Non sei que fago aínda aquí dentro, aterecendo. E seguen petando na porta... E eu xa na Sétima soidade... Non serás ti, ou?

     Arre demo!, que marchaches sen as chaves! Ausencias pretéritasPoemas de amor sen morte e unha vella tola.

mércores, 6 de maio de 2015

Movementos migratorios

     Noutra vida foi un paxaro. Explicádeme se non como non é quen de acougar en sitio ningún.
     Cando comeza a sentir un chisco de frío nos ósos, alza o voo e marcha lonxe. E asegúrovos que nunca endexamais lle fixo caso a un termómetro. Fíase, máis ben, do tempo que lle leva ao seu sangue callar. Se vos digo a verdade, só fixeron falta un par de semanas para que dixera que aterecía por dentro. Ironicamente, cando lle daba unha aperta era o momento no que máis se queixaba. 
     Coma se dunha anduriña rebelde se tratase, coa chegada da primavera - época na que florece todo, mesmo iso ao que chaman amor - migrou. Non agardou ao outono sequera.
     Quen sabe onde se pousou desta volta... Canto tempo resistirá alí? 
     Non o queirades. A calor dun bico xéalle o corazón. 
     Leva percorridas centos de cidades.