martes, 26 de febreiro de 2013

Noite escura, de sombras alongadas no tempo.

Hora do solpor, as miradas voltábanse tristeiras, ventando a escuridade da longa noite que iría moito máis alá das tradicionais doce horas. Expresións taciturnas nas facianas dos protagonistas, actores principais desta película desenvolvida de madrugada, cando os lobos ouvean á lúa e o vento zoón peta nas portas, ladrón da coraxe de calquera. Como guionistas da filme de terror traballaban os que se autodenominaban líderes, crendo resolver un problema ao tempo que construían outro de maior calibre. Vidas humanas á deriva nun barco sen timón, no que sobraban capitáns e faltaban remeiros. Con dor na alma e fatiga nos ósos, amenceu máis tarde ca cedo. E as vistas ao chan alzáronse ata poder ver de fronte o futuro que se achegaba, e que se presentaba tan esperanzador coma incerto. Collidos das mans, centos de persoas, camiñaron lonxe ata non ollar as feridas daquela segunda matanza mundial. Lonxe ata só sentir dor ao lembralo; lonxe ata non ter que vivilo. Eran bos días para todos aquela mañá.
  ( es.paperblog.com )

Ninguén falou de amor.

Está preto. Moi preto. Pode sentir a súa respiración axitada. Nerviosa. Sinte os seus cabelos danzando polos ombreiros nús. Ule o seu delicado perfume. Os ollos del non poden evitar dirixirse á boca dela. Deseosos. Un a carón do outro. Séguea mirando. Non se detén. Nin se resiste. Xa non o soporta máis. Move lixeiramente a cabeza hacia adiante. Os beizos pálpanse nun bico. Tan anhelado o bico para ambos... E máis. Xa está. Agora son dúas persoas fundidas nunha soa. Atracción, máis ca sentimento. Paixón, ao fin e ao cabo.

Aprendices de todo, mestres de nada?

Soñaba cada noite con el, mais non llo desvelaba a ninguén. Só ela era coñecedora dos seus encontros logo do serán e moito antes da alborada. Compartían longas madrugadas. Ela soñando cos seus ollos verdes e el imaxinando as divertidas faccións da súa cara adolescente. Eran noites de sorrisos á almofada, e berros de alegría reprimidos por unhas sabas comprensivas. Sorrisos que logo tornarían en bicos; aprendices do amor, pronto mestres de tal arte.

sábado, 23 de febreiro de 2013

É o sete o número máxico

A sensación provocada no momento en que te decatas de que non sabes nada en absoluto desa persoa que crías coñecida é inigualable. Nese instante todo cambia, sen que se poida percibir a transformación. Os ollos miran dende outro punto de vista, e cada son que oes ten outro significado diferente para ti. A quen vai dirixido este texto, sabe que o ten que ler prestando atención a cada pequeno detalle. Quizais só así, e soamente así, poida descubrir o que aquí realmente agocho. Son demasiados os segredos que quedaron polo medio, e outros tantos os que, sen contarse, foron prisioneiros dun verán de distancias. Verán que, a pesar do sol radiante aló no celeste, foi o máis xélido de todos canto houbo. Outono de follas que caen, e outras que se repoñen; vellos costumes, novos comezos. Inverno escuro que, aínda que comeza a clarear, sabe que as estrelas non brilarán impoñentes como na súa vez o fixeron. É boa esperanza crer que a lúa non marcha, luce cada noite espléndida na lúgubre inmensidade, fiel a quen a sabe querer. Nós, que apreciamos a súa fermosura, aferrámonos a esa ilusión. E xa son moitos os días que levamos da man. Xa somos fortes.

xoves, 21 de febreiro de 2013

Namorados do amor

     Buscaron por ceo e terra o seu tesouro que, ai!, rirse podían dos máis grandes piratas de ser o caso de dar con el. Tal era a obsesión, que foron varias as veces que creron conseguilo, mais axiña se decataron de que estaban trabucados.  
    
     Non era iso o que querían; pretendían atinar co paradeiro do amor, búsqueda incansable da perfección, para eles sempre superable. Nunca conformes, perseguían ofuscados o seu obxectivo, tal como Bécquer o enganoso reflexo da fermosa lúa.

     Namorados do amor, pereceron sen atopar aquelo que tanto  cobizaban.

domingo, 17 de febreiro de 2013

Se choro río, e se non río choro

     Que me dis das bágoas? É auga salgada que escorre doce polas meixelas, deixando un rastro amargo de tristura ao seu paso. Agochan demasiadas sensacións escuras nelas, de aí a miña preferencia polas gargalladas. Semella que ris tan só con pronunciar a palabra. "Gargallada". Non oídes rebumbios alegres? Pero hai veces que se chora de alegría, diredes. Oh, non, queridos. Iso para min son as risas dos ollos.

venres, 15 de febreiro de 2013

Bolboretas danzareiras

As bolboretas voan sen ficar quedas nin un só intre. Álzanse maxestuosas por riba das árbores, sabedoras da súa fermosura e, veloces, baixan ata o chan na procura dalgunha flor apetecible. Non se deteñen. Comezan a voar de novo, mais esta vez sen rumbo, e alegres, sen embargo. Voan felices como as bolboretas danzareiras que son. Ilustración de Daniel Díaz Trigo.

mércores, 13 de febreiro de 2013

Servos do tempo

Pensamos que somos libres cando en realidade estamos atados. Non saberemos o que é o verdadeiro espírito ceibe mentres non nos libremos do poder que exercen as agullas do reloxo sobre nós. Vivimos ancorados ao tempo, dependemos del, sen decatarnos de que tras dun segundo vén outro, e logo outro máis, ata a hora da nosa escura despedida.

venres, 1 de febreiro de 2013

- Morto en vida -

Eran tales os ollares perdidos                                         
que nin sabían o que procurar.
Extravíos na vía de danzar,
Sorrisos desaproveitados, mal ridos.

Era a carencia de corazóns lidos,
a escaseza de soños que soñar,
de ilusións con globos facer voar,
de aventuras e recordos vividos.

Contábanse anos e anos á carreta,
mais todos alleos de alegría,
contábase unha infancia ennegrecida.

Moito antes de chegarlle a súa meta,
xa antes da fin do derradeiro día,
tempo atrás, estaba morto en vida.