luns, 30 de decembro de 2013

Segredos dun vagón

O mociño retornaba á súa cidade logo de pasar uns meses fóra estudando. Que ganas de velos a todos.
A rapaza de cabelo loiro que levaba un libro entre as mans fuxía da rutina. Ansiaba ir lonxe. 
Aqueloutro só voltaba do traballo, como un día calquera, pensando que cearía aquela noite. Que fame tiña.
A familia que estaba a carón del ía visitar aos avós. Que sería deles?
Unha parella bicábase tenramente no asento contiguo. Viaxaban por pracer. 
Ao fondo, lembro a un ancián que non paraba de mirar pola fiestra, impaciente por chegar e darlle unha aperta á neta. 

Tamén estaba eu, o recadador, sen motivación algunha. 
E o frenazo, a escuridade.
E fun quedar precisamente eu aquí para contalo. Eu, que non quería. Que non tiña nada que facer ao baixarme na estación. 
Eu, en vez de calquera dos outros. 

domingo, 8 de decembro de 2013

Unha convidada case estrela

     Choran as notas no piano, mais el non deixa de tocalo porque será el o que bagulle pola perda daquilo que endexamais tivo. O mestre Sabina había comprender tan mala nostalxia...
     Preto da chimenea, palpando a alta temperatura pero sen chegar a queimarse, unha ducia de sobres pechados - cómpre dicir que sen destinatario - pelexan consigo mesmos intentando non berrar as verbas que se agochan neles.
     A súa convidada non tardará en chegar, elegante coma sempre. Namentres, el prepara as copas procurando que o cristal non teña a mínima imperfección que deforme o belo reflexo dela.
     Teñen por costume cear fóra, no xardín. Cousa do anfitrión, que lle debe agradar recoñecela no pequeno lago logo da sobremesa.
     Mañá haberá outra carta encol das anteriores. Escribiráa ao amencer, cando quede só, tras tocar o piano toda a noite para ela.
     Entretido preparando a mesa, case non se decata da chegada da dama que, hoxe tamén, luce un traxe branco. Impón, cautivadora, mais xa non retrasará máis o momento de dicirlle aquilo que o atormenta. Está cansado de que madrugada tras madrugada non pronuncie nin unha soa palabra que alegre os seus oídos. A fermosa Lúa, presumindo de beleza entre tanta negrura, non o tomará a mal.