luns, 25 de marzo de 2013

Ano 1855

                                                                         25 de marzo de 1855 
      Querida e estimada amada:

      Escríbolle á beira do mar, ollando a auga brava do Cantábrico que ben seguro que vostede sabería apreciar. O vento remove a fina area da praia que, revoltosa, érguese e danza ao son do asubío do aire. Peta nas miñas meixelas, ferinte, pero non manca tanto como o feito de non poder vela a vostede. Non lle resultará novidoso saber que estou prometido coa condesa de Mondoñedo, dona Araceli de Figueiras. Quixera dicirlle, asegurarlle, que todo canto ten que ver con dito compromiso, co afanoso plan de xuntar as terras de Mondoñedo á Mariña, todo iso, é argallada de meu pai, dono e señor de cada recuncho de Lugo dende onde se contempla a costa. Comprendo que non lle servirá de moito ter coñecemento desto, resulta evidente. Mais, perdóeme se lle parezo un impresentable, gustaríame convidala á celebración do matrimonio. Pareceralle estraño, un acto dun verdadeiro gañán, reparei nesa posibilidade, pero déase conta de que será ese día, antes de xuntarme para sempre coa señora Araceli, cando teñamos a derradeira oportunidade de estarmos xuntos, unirnos sen grandes perigos.
     A data prevista da cerimonia é o domingo seguinte ao San Xoán, ás doce do mediodía, cando o sol alume con forza sobre nós. Sen embargo, teremos ocasión de vernos furtivamente, por última vez, esa mesma mañá un pouco máis cedo. No sitio de sempre, será coma sempre.

      Non esqueza ningún día da súa vida que cada vez que esté mirando as estrelas ou ollando as ondas do mar o farei pensando en vostede, Amelia. .
 
      Con amor,
                Don Felipe de Mariña 




8 de maio de 1855 .

     Benquerido Felipe:

      Aproveitando un dos escasos momentos de soidade que me permite ter o meu oficio, respóstolle á sua anterior carta. Discúlpeme se me mostro vulgar ou incluso insultante nesta miña escrita, é o que ten ter nacido entre as humildes faldas dunha campesiña, sen outra oportunidade de aprender que a que me ofrecía o meu bo tío. Escríbolle para felicitalo e darlle a noraboa polo compromiso, desexándolle que sexa moi feliz coa súa futura esposa.
      Entendo que seu pai lle obrigase a casar con dona Araceli en vez de comigo, sería unha tolería, permítame a expresión. Eu , sen terras, sen propiedades, sen posesións , non sería quen de darlle o que se merece. É por iso que me fai inmensamente feliz que atopase quen , á vez de amor, lle dé a riqueza que tanto cobizan os da súa clase.
     Non quixera facerlle un feo non acudindo á cita que vostede propón, pero non me vexo capaz de bicar ao home que outrora dixo amarme e deseguido se escusa comigo. Non me vexo capaz de mirar aos ollos, de darlle a man, ao home que amei, que amo, e que nunca poderei ter, vítima desta sociedade egoísta. Non lle gardo rencor, sen embargo, como ía facelo?
      Esperando que non lle moleste a declinación e anhelando que as boas novas non deixen de chamar á súa ostentosa porta, despídome

     Non esqueza vostede que un home casado non debe pensar noutra muller que non sexa á que se lle asignou.
                                                                                                                                             Amelia.

2 comentarios:

  1. Moi agudo, intenso e interesante...o dela...o del pouco apaixoado...Inxenuo...En serio pensaba que ía ter o pouco orgullo de ir cara a cita...Penso qeu un home un pouco cabal non lle pediría, canto menso nestes termos...De tódolos xeitos o fragmento paréceme interesante...Vai ter contiuación ou so un exercicio mental para deixarnos coa intriga?

    ResponderEliminar
  2. Moitos homes do século XIX non tiñan reparo ningún en ser cabales ou non coas damas...
    Non teño pensado escribir unha continuación, era simplemente un reflexo dunha historia de amor noutros tempos e condicións.

    ResponderEliminar