martes, 28 de xaneiro de 2014

Saudade mal curada

     Non sei se vou triste de máis pola rúa e por iso os vexo a todos tan alegres, tan a contracorrente miña, ou é que vou demasiado contenta eu para decatarme de que esa felicidade case sempre é unha trola. Igual algo de todo.
     Atopábame sumida na tristura, logo afogada nun vaso de tubo e, agora, contenta. Ou borracha, para que andarse con eufemismos.
     Que sei eu.
     Úleme a ron barato, así que debe de ser iso. Vou bastante contenta e, porén, por que non río? Ambigüidades lingüísticas e corazón choromicas.   Ai, se soubese o que digo... Escribo, e nin sei como. Baila o lapis só, tan só como o fixen eu cada madrugada des que ti marchaches, des que me deixaches aquí, sen sequera unha botella de bo ron da que botar man. Agora teño que deambular por aí na procura dalgún grolo que me axude a esquecerte.
     Pero véxote reflexado na copa, e non estás.
     Do único que me esquezo noite tras noite é de que nin o alcol nin probablemente nada conseguirá curarme desta insana saudade. E dixen saudade, que non soidade. Porque soa non estou, estás ti. Pero quen sabe onde.
     A risa vaima dar cando xa non lembre nada: nin a ti nin a este estúpido xeito co que trato, inútilmente, de esquecerte..., arruinándome.

Ningún comentario:

Publicar un comentario