venres, 24 de maio de 2013

Viaxe ás estrelas

     Mirei cara as estrelas que lucían brilantes na inmensidade do ceo. As máis tímidas eran intermitentes, mais non deixaban de alumar. Vinas tan lonxe, tan difíciles de alcanzar... Decateime de que ía ser unha viaxe longa e suspirei. Enchinme de aire   - e de forzas -   e comecei a elevarme pouco a pouco. Primeiro, só uns centímetros do chan; logo subín máis arriba do tellado da casa; ascendín preto das nubes. Quixen montar nunha, pero semelloume inestable o algodón, polo que evitei posibles entorpecementos. Non deixei, sen embargo, de xogar a facer figuras nela. Se dende aí abaixo vedes maldebuxada unha nena apalpando unha estrela, sabede que me declaro culpable.
     Costoume chegar á Lúa, fíxose de rogar. Ollei a paisaxe anicada nun dos seus cráteres e fun incapaz de pechar a boca. Que marabilla! Quedábame o máis complicado, pero non quixen renderme.
     Peguei un chimpo e voei.

Ningún comentario:

Publicar un comentario