mércores, 25 de novembro de 2015

Outro porco de pé

     Entrou no comedor, famento coma se non levara bocado aos dentes en todo o día. Mirou para a mesa onde comería e fíxoselle a boca auga. Sobre o mantel branco descansaba un corpo feminino atado con cordas, á beira do cal colocaran os correspondentes cubertos. Ao lado da cabeza, unha copa de cristal reflexaba a inxustiza que se respiraba no ambiente. Era ela mesma quen sostiña na man, con rabia, o pano de mesa, listo para ser usado.
     O comensal ao que ninguén convidara decidiu saltarse o protocolo e apartou a cadeira rapidamente, facendo que a parte inferior das pernas da muller quedara suspendida no aire, tremendo. Garfo e coitelo en man, fixo caso omiso dos entrantes e pasou ao prato principal. Rachou a camisa dela e desfíxose do cinto que lle amarraba os pantalóns. Soltou os utensilios e pasou a comer coas mans, coma os porcos. Librouse de toda prenda que lle cubrira un cacho de pel - de pita - e mordeuna rudamente. Mastigouna coa boca aberta, confirmando a súa condición de cocho.   Volveuna ao prato; cuspiuna logo de trabárselle na gorxa. A ver se se ía atragantar... Que unha muller é un óso duro de roer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario