xoves, 19 de novembro de 2015

Lembranzas do esquecemento

     Se lembrei o porqué do meu esquecemento e esquecín as miñas lembranzas, en que punto estou?

       Véuseme á mente  aos beizos o bico máis frío que me deches e comprendo que foi daquela cando asumín o principio do fin. Autoimpúxenme naquel intre, antes de que retiraras a túa respiración dos meus pulmóns, un inminente esquecemento. Fracasei no intento e levoume máis tempo do previsto, pero se agora te vexo pola rúa xa non te recoñezo pola risa. Téñote que ver chorar para asegurarme de que es ti. Esas bágoas son inconfundibles, crocodilo. 

     Mais, merda!, quero escribir sobre nós antes de deixarmos de ser "nós" e non me sae. Non atopo nada na miña memoria introducindo a palabra clave no buscador: ti. Tal foi a teima coa que me propuxen borrar os erros que me apresurei demasiado e non agardei á corrección. E agora, como aprendo? E, sobre todo, como prendo en alguén sen medo a quedarme enredada?

     Condenei ao esquecemento algunhas lembranzas ás que lles correspondía a liberdade vixiada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario