xoves, 14 de xullo de 2016

Fogar en ruínas

Vivían nun fogar roto en proceso de improbable reconstrucción.

Os cristais escachaban cando neles se pousaba unha mirada xeada; abríanse gretas nas paredes ao se pronunciar un adeus e logo voltar; 
humidades que nacían coas bágoas tristes, e bágoas tristes que aproveitaban os anacos deses cristais escachados para pórlle fin á súa curta vida nun suicidio veloz.

Tres capas de pintura eran aplicadas a diario: o bico do espertar, o de querer e o de boas noites. Pero as feridas eran fondas e difíciles de tapar... O medo sempre os vencía e amosaba triunfante a desfeita do interior: non cicatrizaban as fendiduras nos cimentos daquela casa de dous.

Mágoa de corazóns cansos... Onde quedou a valentía de marchar?

Ningún comentario:

Publicar un comentario