martes, 21 de xullo de 2015

As cidades da alma

     Acababan de presentarlle á rapaza máis fermosa de todas cantas había na sala. Lucía, dixo que se chamaba. Lucía, en pasado.
     - Seguirá lucindo? - pensou para si.
     O sorriso alumaba, así que todo apuntaba a que ela tiña que actualizar o nome de pila e adiantalo un tempo, ata chegar ao presente.

     - De onde es ti?
     A pregunta da muller devolveuno á realidade. Nunca lle gustara responder a tal cuestión, pois tiña unha teoría ao respecto que, de ser explicada, el adoitaba quedar de tolo e, no caso de obviala, sentía que dicía tan só media verdade. Era todo un dilema.
     - Estasme a preguntar de que cidade son, en cal vivo ou cal vive en min? Sonche tres cousas distintas... Unha persoa dise que non só é de onde nace, senón tamén de onde quere morrer, e estes sitios non teñen por que coincidir co lugar no que está establecida a súa casa. E, ademais, hai unha cuarta cidade: a da alma.
     >>Cada alma elixe ser unha cidade e, segundo iso, así será esa persoa. Por exemplo, aos que levan Lugo cravado no peito é complicado coñecelos. A muralla romana que os rodea dificulta a entrada de estraños. Quen ten Nova Iork entre costela e costela é un cu inquedo, incapaz de acougar, sempre en constante movemento. Outras almas sinxelas de recoñecer son as que teñen matrícula de París. Estas desprenden luz por cada recuncho. Levas dentro de ti a París? Espero que non sexa Las Vegas a túa cidade, tan rechamante por fóra e chea de merdallada no fondo. Pero non, non creo. Tamén tes pintas de que o Berlín dos anos 90 viva en ti. Non sei, é coma se sentira que o teu cerebro leva moito tempo separado do corazón e, agora, de súpeto, que o muro que os alonxaba estando ben preto non resistiu e caeu. Reencontráronse dous vellos amigos. Trabúcome?
     >> Pero estoume enredando. Preguntáchesme ti primeiro. Eu non sei moi ben que responderche. Nacín na Mariña lucense e actualmente resido en Santiago. Por dentro, ás veces, paréceme que carreto a Costa da Morte, con eses precipicios tan altos que xeran adrenalina. Outras, en cambio, creo que me pega máis a desgraciada Pompeia ou simplemente un pobo pequeno e tranquilo de por aquí cerca.

     Porén, non lle contou a Lucía nada diso. Contestoulle o que se supón que hai que contestar a tal pregunta.
     - Vivo en Compostela.
     - É unha cidade preciosa, mais disque chove moito.
     Un brillo especial nos ollos del indicaba que xa atopara a razón de tal humidade na súa alma, o motivo polo que precisaba sempre un paraugas que lle cubrira o corazón, a explicación a por que desfrutaba tanto do sol.
  
   - Lucía... E que non se apague.

Ningún comentario:

Publicar un comentario