venres, 10 de xullo de 2015

Lectura optativa

A escritura é a pintura da voz. - Voltaire

Ante certos libros, un pregúntase: "quen os lerá?" ; e ante certas persoas un pregúntase: "que lerán?" Ao final, libros e persoas atópanse. - André Gide

A pluma é a lingua da alma - Miguel de Cervantes

  
     Algún día escribirei unha historia na que o lector imaxine a unha parella de anciáns, El e Ela, de rostro e estatura a libre elección. Iso si, Ela levará sempre o pelo solto, coma quen reclama a liberdade que non sempre tivo.
     Cadaquén que pense na marquesiña dunha das principais rúas da cidade que desexe, e que visualice todos os días, case a calquera hora, a El e a Ela alí, ficando sentados con cadanseu libro nas mans. Non falarán nunca, así que aforras inventar dúas voces. Das súas bocas non sairá unha triste palabra -tampouco unha alegre - .
     Non te esquezas de observalos un cachiño cada día, comprobando que estean na mesma situación que a xornada anterior. Non deixarán de pasar páxinas, sempre en silencio.
     El e Ela non aparecerán de noite. Cada un que supoña o que queira sobre o discorrer da vida dos protagonistas a altas horas da madrugada.
     Chegados a certo punto da narración, non me estrañaría que houbese quen chorara a ausencia da muller: unha mañá, Ela non acompañará a El, e este xa non levará libro ningún debaixo do brazo. Igual pensas que o esqueceu na casa, outro imaxinará que, co disgusto, non lle apetece ler... Eu que sei.
     Agardo que o lector - ti ou calquera - se sorprenda ao final, cando descubra que, pese a ser mudos ámbolos dous, tiñan moito que dicirse e nunca deixaran de facelo. Pode que alguén xa adiviñe quenes eran os autores dos libros aos que tanta atención lles prestaban cada mañá...
     Oxalá peches a contraportada dese meu libro imaxinado cun sorriso na faciana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario