domingo, 8 de marzo de 2015

Mulier, -eris

     Tal día coma hoxe, oito de marzo, moitos anos atrás, dei a luz á miña filla. Non sabiamos que nome poñerlle. Tíñanos cara de Valentía, de Loita, de Coraxe, mesmo de Vigor. Os ollos pedían a berros levar o nome de Dignidade e mais de Igualdade. As mans suplicaban ser as dunha rapaza chamada Traballadora. O máis íntimo propoñía Liberdade; quería ser Respeto.
     E, sobre todo, respetada.

     Barallamos tantos nomes sen decatarnos de que só polo feito de tratarse dunha nena xa levaba consigo o significado de todas aquelas palabras... Nin máis nin menos ca un home.
     Eliximos Ceibe ao fin. Facendo gala do antropónimo, ela non se ata a nada nin a ninguén. Pelexa incansablemente porque lle parece que moitas das mulleres do mundo cargan con nomes que non lles corresponden. Coñeceu a unha que se chamaba Medo, tamén a Sumisión e a Menosprezada. Soubo dunha Dolores que non respondía por Lola. E non quixo quedar de brazos cruzados.

     Queda moito camiño por andar, pero vese con forzas. Chegará á meta e, alí, lerase na sinatura feminina a verba Xustiza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario