venres, 30 de xaneiro de 2015

A canción dunha muller

     Muller nova que cantas melodías tristes, non te decatas de que os teus ollos morren de desexo por desprender alegría? Por que te empeñas en apagar o seu fulgor? Estalos deixando morrer. (Non dixen matar. O que lles dispara non es ti.)
     O mundo está cheo de poesía. Procura outras letras que te fagan laiar menos, busca partituras con ritmos máis vivos. Solta nun berro todo o aire co que enchiches o teu fol e renóvao. Que sexa fresco. Deixa de tocar no piano cancións que escribiron outros por ti;
compón
a túa vida.
     Que soe tal como ti queiras que soe, pero non esquezas que dun momento a outro, nese iris, ou prende lume, ou quedan as cinsas. Unha de dúas.
     Desfaite deses brazos rudos que te atrapan sen dozura, só con fiereza e forza. Borra dos beizos das persoas do teu redor esas verbas que desgastan o corazón máis que o oído. Crea ti palabras novas, unhas que falen do que ti queiras contar. E que sexa a historia máis bonita que se che pase pola imaxinación.
     Lembra que sempre ha de haber quen te escoite cando fales, cando cales e, sobre todo, cando decidas berrar. Adiante, enche pentagramas en branco.
    
     Música, maestro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario