venres, 21 de novembro de 2014

O rostro

Levaba xa preto de media hora observando a aquel home que se sentaba fronte a el. Facíaselle tan sumamente coñecido o seu rostro..., pero por máis que o miraba non caía en quen podía ser. Pelo canoso e barba de dous días, nariz puntiagudo e ollos escuros, faccións moi marcadas e mans de traballador, fendidas, seguramente, polas incontables mañás de xeada bulindo dun lado para outro. Tamén el mesmo as tiña ásperas, curtidas polo frío e polas labores de tantos anos; tampouco el se libraba de ser un narigudo.

Pero quen sería aquel home?

E por que ao seu carón xogaba no chan unha cativa tan parecida á súa neta?

- Eres ben presumido, avó. Logo din que as que botamos todo o día mirándonos no espello somos as mulleres... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario