domingo, 8 de decembro de 2013

Unha convidada case estrela

     Choran as notas no piano, mais el non deixa de tocalo porque será el o que bagulle pola perda daquilo que endexamais tivo. O mestre Sabina había comprender tan mala nostalxia...
     Preto da chimenea, palpando a alta temperatura pero sen chegar a queimarse, unha ducia de sobres pechados - cómpre dicir que sen destinatario - pelexan consigo mesmos intentando non berrar as verbas que se agochan neles.
     A súa convidada non tardará en chegar, elegante coma sempre. Namentres, el prepara as copas procurando que o cristal non teña a mínima imperfección que deforme o belo reflexo dela.
     Teñen por costume cear fóra, no xardín. Cousa do anfitrión, que lle debe agradar recoñecela no pequeno lago logo da sobremesa.
     Mañá haberá outra carta encol das anteriores. Escribiráa ao amencer, cando quede só, tras tocar o piano toda a noite para ela.
     Entretido preparando a mesa, case non se decata da chegada da dama que, hoxe tamén, luce un traxe branco. Impón, cautivadora, mais xa non retrasará máis o momento de dicirlle aquilo que o atormenta. Está cansado de que madrugada tras madrugada non pronuncie nin unha soa palabra que alegre os seus oídos. A fermosa Lúa, presumindo de beleza entre tanta negrura, non o tomará a mal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario