sábado, 7 de setembro de 2013

Apertas gratis e soños que tamén o son.

     Non sabía a que adicarse de maior. Pensou en ser periodista e escribir nos xornais, mais semelloulle demasiado triste ter que relatar desgrazas en branco e negro. Que tal ser médica e salvar vidas?, corría o risco de caer na tentación de provocar que un taquicárdico se namorase dela. Non cambiaba tanto a operación..., demasiado perigoso.   Volverse matemática era algo que descartara por medo a perderse no infinito.    E se estudaba para avogada?, non!, horrorizáballe a posibilidade de ter que defender a alguén que matou a un terceiro sen ser a bicos. Debuxar nunca se lle dera demasiado ben...

     Sería quen agasallara aos viandantes con apertas gratis na rúa, xa o decidira.
     Quizais así aprendera o oficio de querer para logo exercer de querida. Que a maten a bicos e a intente salvar un cardiólogo. Que este se trabuque e faga que se namore del. Que lle debuxe en branco e negro un boceto da súa vida, que vaian de viaxe e se atopen no infinito. 
     Que lle regalen tamén a ela apertas. 

9 comentarios: