mércores, 6 de maio de 2015

Movementos migratorios

     Noutra vida foi un paxaro. Explicádeme se non como non é quen de acougar en sitio ningún.
     Cando comeza a sentir un chisco de frío nos ósos, alza o voo e marcha lonxe. E asegúrovos que nunca endexamais lle fixo caso a un termómetro. Fíase, máis ben, do tempo que lle leva ao seu sangue callar. Se vos digo a verdade, só fixeron falta un par de semanas para que dixera que aterecía por dentro. Ironicamente, cando lle daba unha aperta era o momento no que máis se queixaba. 
     Coma se dunha anduriña rebelde se tratase, coa chegada da primavera - época na que florece todo, mesmo iso ao que chaman amor - migrou. Non agardou ao outono sequera.
     Quen sabe onde se pousou desta volta... Canto tempo resistirá alí? 
     Non o queirades. A calor dun bico xéalle o corazón. 
     Leva percorridas centos de cidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario